martes, 26 de junio de 2018

O DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Este ano conmemoramos o Día das Letras Galegas facendo unha actividade moi dinámica e enriquecedora, pois os nosos alumnos tiveron que encher un cuestionario sobre a vida e obra da escritora homenaxeada María Victoria Moreno. Fixérono moi ben e agasallamos cun lote de libros aos alumnos máis rápidos en atopar as respostas correctas.











As rapazas e rapaces de 5.º e 6.º de educación primaria do colexio El Castro celebramos o Día das Letras Galegas gozando de novo dos marabillosos libros escritos pola homenaxeada deste ano. Para tal ocasión eliximos Mar adiante e O amor e as palabras. Ambos fixeron as delicias de todos nós. 


Unhas semanas antes do 17 de maio os alumnos fixeron diversos traballos de investigación en grupo que lles permitiron coñecer a historia do Día das Letras Galegas, a obra de Mª Victoria Moreno, a relación tal especial que tiña coa cidade de Pontevedra e, sobre todo, descubrir a personalidade desta muller excepcional que adoraba a nosa lingua. Especialmente interesante resultou o traballo titulado  A escola nos anos 40 e 50 (anos da infancia de Mª Victoria Moreno). A consigna para realizalo era obter toda a información que precisaban mantendo unicamente entrevistas cos seus avós. Debían pescudar como eran as aulas, que era o que se ensinaba e como se facía, o rol que desempeñaba a relixión, as materias que se estudaban e a situación das nenas na escola daquela época. As exposicións resultaron ser  de grande interese e espertaron a curiosidade dos rapaces, que esgotaron o tempo destinado a facer preguntas. Estes traballos serviron de escusa para realizar outros cuxas temáticas foron Outras mulleres que descubrir: Ángela Ruíz Robles e As bibliotecas: orixe, organización e elección das nosas preferidas.


Tamén aprendemos moitísimo grazas ás diversas e divertidas actividades interactivas recollidas en fichas didácticas que propón a web Primavera das letras. Trátase dunha páxina creada a iniciativa da Real Academia Galega e dedicada, desde 2016, ós homenaxeados o Día das Letras Galegas. A súa bela estética e os seus interesantes contidos lograron que fose un verdadeiro pracer utilizala como instrumento de aprendizaxe.





OS MORENOPÁXINAS

Outra das actividades coa que gozaron as rapazas e rapaces de 6.º de educación primaria foi a elaboración dos morenopáxinas (uns parcapáxinas dedicados ó Día das Letras Galegas e a Mª Victoria Moreno) . Como podemos ver na imaxe, utilizáronse diferentes materiais ó servizo da imaxinación e da creatividade.